Google destaca as buscas que emerxeron en 2017

mércores, 13 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Ante a proximidade do peche do ano é habitual que Google faga un repaso das buscas máis realizadas, ou mellor dito, das que destacan segundo os datos rexistrados por Google Tendencias, deixando claro o interese da poboación polos desastres naturais, de xeito que os furacáns e terremotos centraron moita da actividade, sendo a tendencia máis salientable a nivel mundial o furacán Irma, seguido por outros elementos máis banais, como o iPhone 8 e o iPhone X, o presentador televisivo Matt Lauer (afectado por un escándalo sexual), a actriz Meghan Markle (quen prometeuse co Príncipe Harry de Inglaterra) ou incluso a serie televisiva 13 Razones (que xerou un intenso debate sobre o suicidio xuvenil).
Se botamos a vista a España temos que o termo que máis medrou en volume de consultas foi Cataluña, seguido polo atentado de Barcelona. Tamén disparáronse as consultas sobre figuras públicas que dixeron adeus (Bimba Bosé, Ángel Nieto e Carme Chacón). Do mundo do lecer tamén destacaron Eurovisión, a HBO e, como non, o tema Despacito.
Google permítenos revisar as tendencias de 2017 por categorías e territorios nunha páxina web creada a tal efecto, o que serve para ter máis detalles dos intereses do público durante os últimos meses e, aparte de poder saber os programas de televisión máis consultados, os deportes que captaron máis atención e as personalidades que espertaron máis interese, podemos tamén coñecer certas consultas que fan os usuarios para saber máis sobre distintas temáticas, para o que preguntas comezando por como ou que é. Así sabemos do interese emerxente sobre o método para facer slime ou que é un spinner, as dúbidas sobre as cláusulas chan e os gastos das hipotecas ou incluso o que é o artigo 155 da Constitución. Cuestións que poden servir para debuxar un bosquexo do que foi para moitos este ano que está a piques de rematar.

Vídeo no que Google resume as buscas que foron tendencia en 2017

PUBLICIDADE