Google estrea un novo buscador afastado da súa imaxe de marca

mércores, 4 de outubro do 2006 Marcus Fernández

O consello que reza que os experimentos hai que facelos en casa e con gasosa está a ser seguido por Google, pois a compañía responsable do buscador máis popular do mundo iniciou un novo buscador chamado SearchMash, que non presenta a súa marca por ningures, de xeito que se converte nun sistema de probas moi útil, xa que os responsables do desenvolvemento do novo buscador poden realizar apostas máis arriscadas na súa interface, que polo momento xa completa os seus resultados de busca con resultados de texto e imaxes e nos que sorprende a posibilidade de cambiar a orde dos resultados mediante a técnica de arrastrar e soltar. Tamén amosa xunto o resultado a opción de abrilo na mesma fiestra ou nunha fiestra nova, así como a posibilidade de achegar máis resultados da mesma web ou doutras webs semellantes, ou mesmo cunha copia da web dende caché do sistema.