Google homenaxea á Selección Española de fútbol

luns, 30 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Durante os pasados días, para conmemorar a celebración da Eurocopa de fútbol, YouTube modificou o seu logotipo temporalmente, e tras rematar o campionato o propio buscador de Google (na súa edición española) rende homenaxe á Selección Española substituíndo o seu segundo o por un balón, e o seu segundo g por un xogador rematando a bola.
Este sería un dos moitos logos conmemorativos que Google lanza durante o ano, normalmente para celebrar datas de importante relevancia (aniversario do primeiro ascenso ao monte Everest, aniversario do descubrimento do láser, aniversario do nacemento de Alexander Graham Bell...) pero noutras ocasións tamén se utilizan para chamar a atención sobre actos máis banais (o día de San Valentín, o primeiro día do verán, etc.), aínda que agora queda claro que para estas celebracións teñen que buscar certa discriminación xeográfica (de aí que a vitoria española non se celebre no resto do mundo).