Google introduce un maior control para os editores nas súas funcións de busca con IA

mércores, 3 de xuño do 2026 Redacción

Google anunciou novas ferramentas destinadas aos propietarios de páxinas web para axudalos a xestionar a súa presenza nas funcións de busca baseadas en intelixencia artificial, ao tempo que asegura que estes sistemas continúan xerando oportunidades de tráfico e visibilidade para editores, marcas e creadores de contido, sen comentar que realmente estes cambios atenden a imposicións da autoridade británica de Competencia.
A compañía de Mountain View sostén que os usuarios recorren cada vez máis ás ferramentas de IA xerativa para atopar, filtrar e comprender información. Segundo os datos compartidos pola empresa, as Vistas xeradas con IA superan os 2.500 millóns de usuarios activos mensuais, mentres que o Modo IA xa excede os 1.000 millóns de usuarios mensuais. Google afirma que estas ferramentas están a impulsar novas formas de busca e permiten formular consultas máis complexas e variadas.
Para favorecer o acceso aos sitios web desde estas experiencias, Google asegura que reforzou a presenza de ligazóns nas respostas xeradas pola IA. Entre as medidas adoptadas figura o aumento do número de ligazóns integradas directamente nas respostas e a incorporación de previsualizacións de páxinas para incentivar os clics. Tamén ampliou a función Fontes favoritas a Vista creada con IA e ao Modo IA, permitindo aos usuarios destacar determinadas fontes, e engadiu etiquetas para identificar contidos de subscrición.
Indican ademais que continúan experimentando con novos formatos de ligazóns e publican recomendacións actualizadas para mellorar a visibilidade dos sitios nestas experiencias de busca. As directrices inciden na creación de contidos orixinais e diferenciados, unha boa organización da información, unha experiencia de navegación axeitada e o emprego de imaxes e vídeos de calidade.
A principal novidade anunciada é unha nova opción de control dentro de Search Console. A través dun interruptor específico, os propietarios dos sitios poderán decidir se o seu contido pode empregarse para fundamentar respostas nas funcións de busca con IA, incluídas Vista creada con IA, Modo IA e Vista creada con IA en Discover. Os sitios que opten por non participar deixarán de recibir impresións e tráfico procedentes destas funcións xerativas, aínda que esta decisión non influirá no posicionamento dos resultados tradicionais do buscador.
Xunto a esta nova configuración, Search Console comezará a ofrecer información específica sobre a aparición das páxinas nas funcións de busca con IA. Os novos informes incluirán métricas de impresións, datos sobre as páxinas que aparecen nas respostas xeradas e información xeográfica sobre os países nos que se mostran. Google sinala que prevé ampliar progresivamente o número de indicadores dispoñibles segundo recolla máis comentarios dos propietarios dos sitios.
As novas funcións comezarán a probarse cun grupo reducido de propietarios de sitios web no Reino Unido antes da súa expansión global. Google asegura que seguirá desenvolvendo ferramentas para facilitar o descubrimento de contidos na web e mellorar a relación entre as experiencias de IA e os editores en liña.