Google lanza un servizo de vídeo para empresas

martes, 2 de setembro do 2008 Marcus Fernández


Vídeo de explicación das posibilidades do novo servizo corporativo de Google

É innegable que Google está a dominar o sector do vídeo na Rede con YouTube, pero agora buscan achegar este tipo de servizos á empresa, polo que presentan Google Video for business, unha plataforma de vídeo para o uso no interno nas corporacións, que pretende achegar un contorno privado e seguro que non dan outras solucións actuais.
Dentro deste servizo os usuarios poden compartir vídeos con todo o persoal da súa empresa ou só cunhas persoas en concreto (podendo incluso aplicarse a autentificación de usuarios na incrustación de vídeos noutras webs), e quen acceda aos clips tamén poderá puntualos, etiquetalos e comentalos. Temos así que Google Video é unha das aplicacións que se suma á oferta corporativa de Google (na que tamén están Gmail, Google Talk, Google Calendar, Google Docs, Google Sites e Start Page). Os usuarios de entes educativos terán este servizo accesible a partir do 8 de setembro.