Google proba a súa plataforma publicitaria para contratar anuncios televisivos

mércores, 24 de outubro do 2007 Marcus Fernández

AdWords permite xestionar detalladamente a contratación publicitaria en televisión

Google leva tempo probando novas canles publicitarias fóra da Internet como a radio ou a prensa, e agora leva a súa plataforma AdWords á televisión, estreando oficialmente Google TV Ads, que permite ós anunciantes mercar espazos televisivos publicitarios en varias canles de televisión de EE.UU. nunha fase de probas que durará preto dun ano.
O novo servizo lánzase en conxunto con The Nielsen Company, empresa especializada na medición de audiencias televisivas, de xeito que permitirá a estimación da eficiencia dos anuncios que se inxiran dende a plataforma de Google.
Google TV Ads flexibilizará así a publicidade televisiva, permitindo que os anunciantes elixan os parámetros de publicación das súas campañas e paguen só pola súa eficiencia real. Lévase así a mesma dinámica de uso de AdWords para páxinas web ó sector televisivo, producíndose toda unha innovación ó sector audiovisual, que verá como a medición das audiencias segundo a segundo se converterá nunha ferramenta real que poderá popularizarse en boa medida por contar cun padriño coma Google.