Google redeseña a súa aparencia

martes, 1 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Para adaptarse á diversidade de soportes nos que está presente actualmente, Google está a renovar a súa imaxe, o que dende hoxe mesmo vese nun cambio de logotipo, aínda que este cambio de imaxe vai un pouco máis aló de mudar a imaxe coa palabra Google que preside o buscador web, senón que tamén reforza o uso das catro cores presentes na súa imaxe corporativa (azul, verde, amarelo e vermello), que incluso están agora presentes nun G maiúsculo que fai de logotipo compacto e en varios grafismos que empregará Google para deixar claro que se están empregando os seus servizos.
Deste xeito poderemos ver símbolos a catro cores representando un micrófono, uns puntos, unhas barras de volume... unha serie de elementos cos que Google comeza agora a xogar, e que irá espallando progresivamente entre os seus servizos, estando xa presente a nova linguaxe visual da compañía no buscador, no servizo de mapas, en Gmail e en Chrome, entre moitos outros.
Esta nova imaxe quere destacar a simplicidade, limpeza, colorido e facilidade de uso polos que sempre apostou Google, e en breve todos os produtos da compañía presentarán esta nova liña gráfica que parece ser o cambio de deseño máis drástico nos 17 anos de vida da compañía de Mountain View (que case non variara dende 1999).

Vídeo no que explican o cambio estético de Google

PUBLICIDADE