Google xa procesa 1 billón de enderezos web

luns, 28 de xullo do 2008 Marcus Fernández

O número de páxinas web indexadas por Google está en constante crecemento, comezando con 26 millóns de páxinas en 1998 e chegando aos 1.000 millóns de enderezos en 2000, e agora confirman que xa teñen rexistrado 1 billón de enderezos web procesados no seu sistema, o que supón un importante salto dende a versións que tiñan hai só unha década.
Cómpre destacar que as páxinas das que fala Google son as procesadas e non as indexadas, ou sexa que incluirían contidos repetidos (que non se presentan nos resultados de busca), o que normalmente non miden dende Google, aínda que fixeron unha excepción por chegar a esta cantidade histórica.
De todos os xeitos, hai que lembrar que quedan moitos contidos da web por rexistrar en Google (que tampouco indexa todo o que procesa pois sería tecnicamente imposible), dado que non todas as páxinas se poden alcanzar seguindo ligazóns, existindo unha grande Internet escura para os buscadores, que se podería considerar infinita.