Gradiant, Telefónica Tech e GAIN celebran cunha xornada o quinto aniversario de TEGRA
xoves, 25 de maio do 2023
Este
xoves
25 de maio celebrouse a xornada conmemorativa do quinto aniversario
do Centro de Innovación en Ciberseguridade TEGRA, posto en
marcha polo centro tecnolóxico Gradiant e a empresa Telefónica Tech
co apoio da Xunta de Galicia (Axencia Galega de Innovación) e co
financiamento da Unión Europea no marco do Programa Operativo Feder
Galicia 2014-2020. Na cita participaron, entre outros, Patricia
Argerey (directora da axencia GAIN), e Luis Pérez Freire, director
executivo de Gradiant. A xornada desenvolveuse baixo o epígrafe
Innovación, ciberseguridade e colaboración público-privada:
TEGRA como pioneiro.
Argerey
destacou que esta alianza estratéxica entre Gradiant e Telefónica
Tech no ámbito da innovación en ciberseguridade “contribúe ao
avance da industria galega cara á súa dixitalización, en liña cos
retos e prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de
Galicia e, deste xeito, á súa competitividade e á das pemes,
ofrecendo solucións que dan resposta a un factor crítico para o
tecido empresarial como é a seguridade nos sistemas de fabricación”.
Argerey
salientou o papel desta Unidade no posicionamento tecnolóxico de
Galicia nun sector emerxente e con gran potencial de crecemento como
a ciberseguridade, na creación de emprego cualificado e na atracción
cara a Galicia da actividade de I+D+i dunha grande empresa como
Telefónica Tech.
Ao
longo da xornada, presentáronse os principais resultados obtidos
durante esta colaboración, abordouse a importancia da
ciberseguridade e da xeración dun ecosistema forte neste ámbito,
revisáronse as novas tendencias en produtos e servizos de
ciberseguridade e achegouse un debate con expertos sobre a influencia
da Intelixencia Artificial na ciberseguridade na actualidade e nun
futuro próximo.
Esta
colaboración entre o centro tecnolóxico e a multinacional arrincou
no ano 2017 coa posta en marcha dunha Unidade Mixta de Investigación,
no marco da convocatoria homónima da Axencia Galega de Innovación
da Xunta de Galicia, que obtivo apoio nas fases de creación e
consolidación.
O
xermolo de TEGRA
As
orixes de TEGRA cómpre rastrexalas en 2016, cando se formalizou o
acordo de colaboración entre o centro tecnolóxico galego e
Telefónica, e de como este traballo conxunto colleu impulso ao ano
seguinte coa creación da unidade mixta IRMAS (Information Rights
Management Advanced Systems). A partir de aí púxose en marcha
o centro de ciberseguridade TEGRA cun máis que salientábel
investimento (preto de 2,4 millóns de euros) e con dous referenciais
centros de operacións na nosa terra (un en Vigo, na sede de
Gradiant, e outro na sede de Telefónica na Coruña, no Montiño).
TEGRA veu a encher un baleiro ben localizado: a
ausencia de solucións de seguridade ligadas ao dato. Deste punto
xurdiron tecnoloxías como Stela
Filetrack, que ten a capacidade de achegar protección total a
toda información que atesoura unha compañía. A ferramenta Stela
Filetrack, a disposición da comunidade de desenvolvedores e
usuarios, amplía a capacidade de manobra dunha empresa en relación
aos seus datos: permítelle coñecer onde está a información con
independencia de se os documentos atópanse nun local, en servidores,
en correos electrónicos ou na nube; e tamén saber cando se
comparten con outras persoas dentro e fóra da organización.