Gradiant contará co apoio de GAIN para dar forma a un centro empresarial centrado en 5G

martes, 19 de xaneiro do 2021 Redacción

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, participou este 19 de xaneiro na presentación do centro de innovación aberta en tecnoloxías móbiles avanzadas posto en marcha polo Centro Tecnolóxico Gradiant co apoio da Xunta de Galicia, co co-financiamento de fondos FEDER (programa operativo FEDER Galicia 2014-2020) e o Ministerio de Ciencia e Innovación. Na presentación participaron tamén Luis Pérez e Fernando Jiménez, director xeral e xerente de Gradiant, respectivamente.
Argerey felicitou a Gradiant pola posta en marcha deste laboratorio “unha iniciativa de gran valor para o ecosistema galego de innovación, especialmente para as pemes que disporán dunha contorna na que testar os seus produtos e servizos innovadores e contribuír así á modernización doutros sectores produtivos estratéxicos para Galicia, como os sectores primarios, a industria, a automoción ou o sector saúde”.
A directora de GAIN salientou que “este proxecto está apoiado por dous programas, o programa Cervera do Ministerio de Ciencia e Innovación, a través do que Gradiant está a desenvolver esta plataforma no marco do proxecto Red Nacional de Excelencia en Redes Móviles Avanzadas Open-VERSO, así como as axudas para o equipamento de centros de xeración de coñecemento da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que tamén apoia este centro”.
Argerey destacou tamén que o programa Cervera é un “termómetro” da capacidade dos centros tecnolóxicos e de apoio á innovación a nivel estatal, a través do que os centros galegos teñen captado máis de 5 millóns de euros en axudas, situando Galicia na segunda posición entre as comunidades autónomas.
Lembrou tamén que a Xunta apoia este proxecto a través da súa liña de axudas para o fortalecemento de centros tecnolóxicos e de apoio á innovación que leva mobilizado máis de 20 millóns de euros en dúas edicións.
Axudas para o fortalecemento de centros tecnolóxicos
A liña de axudas para o fortalecemento de centros tecnolóxicos e de apoio á innovación de GAIN, co-financiada con fondos FEDER do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, ten como obxectivo “aumentar a competitividade dos centros tecnolóxicos e de apoio á innovación galegos a través da dotación de infraestruturas tecnolóxicas punteiras naqueles ámbitos estratéxicos prioritarios para Galicia”. Con esta liña de axudas perséguese “seguir avanzando na excelencia investigadora dos centros de coñecemento galegos así como potenciar as súas tarefas de transferencia ao tecido empresarial”.

PUBLICIDADE