HBO Max converterase en Max nos EE.UU. o mes que vén

mércores, 12 de abril do 2023 Marcus Fernández

En 2019 a WarnerMedia anunciou a transformación do servizo en liña HBO en HBO Max, tendo que agardar até 2021 para que o rebranding chegase a España, pero a reestruturación de compañía non cesa, e agora que Warner Bros. conta tamén con material de Discovery, decidiron mudar a súa marca en liña, polo que o vindeiro 23 de maio botará a andar Max.
Haberá que ver como fan esta transformación, xa que aínda que agora están a anunciar a ampliación de contidos, levamos varios meses con HBO Max metendo a tesoira ás súas producións, cancelando varios lanzamentos importantes, o que claramente non atrae aos consumidores.
Como reclamo Max contará cunha serie propia de Harry Potter na que adaptarán os libros de J.K. Rowling como xa puidemos ver na grande pantalla; teremos unha precuela de Game of Thrones titulada A Knight of the Seven Kingdoms: The Hedge Knight; prepara unha serie baseada nos filmes de Expediente Warren; e outras producións entre as que tamén figuran series anunciadas con anterioridade como The Penguin (derivada do filme The Batman), True Detective: Night Country (que desta volta contará con Jodie Foster e Kali Reis) e incluso a serie infantil Gremlins: Secrets of the Mogwai.
Max ofrecerá 3 plans de subscrición: con anuncios por 9,99 dólares/mes (ou 99,99 dólares/ano) para 2 pantallas simultáneas en Full HD, sen publicidade por 15,99 dólares/mes (ou 149,99 dólares/ano) para 2 pantallas simultáneas en Full HD e Ultimate por 19,99 dólares/mes (199,99 dólares/ano) con 4 pantallas simultáneas en 4K. Curiosamente o servizo Discovery+ (que é o que achega novos contidos a HBO Max) continuará a poder contratarse por separado nos EE.UU. a un prezo que parte dos 4,99 dólares/mes con publicidade, deixando claro que a compañía non quere perder aos clientes que non están dispostos a pagar máis polos contidos que lles interesan.
A existencia dun plan de subscrición en 4K con Dolby Atmos dá a entender que van reforzar o apartado técnico da plataforma, con contidos na maior calidade posible, algo que con HBO Max en Europa botábase especialmente en falla (hai moi pouco material en 4K).
Aínda que Max vaia ver a luz en maio nos EE.UU., a Europa non está previsto que chegue até 2024, aínda que confíase en que as novidades exclusivas da plataforma cheguen sen maior problema ao actual HBO Max. A grande incógnita que hai agora é o que pasará cos plans de subscrición, pois parece bastante probable que sexan diferentes aos actuais, o que provocaría que a actual promoción da que gozan moitos subscritores (co 50% de desconto) desaparece ao cambio de denominación da plataforma.

PUBLICIDADE