Hackeando o patriarcado celebra este 18 a terceira edición do seu obradoiro de traballo

martes, 9 de novembro do 2021 S. P.

A Cátedra de Feminismos 4.0, impulsada pola Deputación e a Universidade de Vigo, vai celebrar este 18 de novembro a terceira edición do obradoiro Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado. O obxectivo será “manter activo un espazo de reflexión colectiva ao redor do denominado patriarcado dixital", sinalan as dúas institucións, que lembran que este ano o lema é unha chamada de atención directa para que as tecnoloxías sexan concibidas, desenvolvidas e postas en marcha cos máis esixentes criterios de igualdade, mesmo as máis disruptivas. O lema é Intelixencia artificial feminista fronte aos algoritmos machistas. Seguindo este fío temático, o workshop do 18 de novembro pretende “cuestionar o papel que están a desempeñar as tecnoloxías na lexitimación das fendas e nesgos de xénero, así como atender a información relevante proporcionada polo ecofeminismo ou tecnofeminismo”.
Programa e inscrición
A cita virá con formato semipresencial. A apertura do acto será ás 10 h e contará coa participación de Carmela Silva, presidenta da Deputación, e Manuel Joaquín Reigosa, reitor da Universidade de Vigo. A continuación desenvolveranse diversas intervencións e mesas redondas nas que participarán mulleres referentes no eido da intelixencia artificial, aprendizaxe automática e visión artificial.
Entre elas, estarán Karina Gibert, directora do centro de investigación Intelligent Data Science and Artificisl Intelligence (IDEAI- UPC); Lorena Fernández, directora de comunicación dixital da Universidade de Deusto e membro do grupo experto da Comisión Europea Gendered Innovations; Nerea Luis, enxeñeira en Intelixencia Artificial en Singular e unha das 100 mulleres líderes en España; Ona de Donestech, activista dos dereitos humanos en Internet; e Paola Pozzi, adestradora e capacitadora profesional certificada por ASESCO.
Na sesión da tarde, realizaranse un wikigap, impartido por Adrián Estévez, editor da Galipedia e socio de Wikimedia España e Portugal, que ensinará como lograr “unha Wikipedia comprometida coa igualdade, mediante a visibilización do traballo das mulleres”.
Para as persoas interesadas en asistir de xeito presencial, deberán desprazarse ata a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, situada no Campus Lagoas-Marcosende. Neste caso, deberán confirmar previamente asistencia. As persoas que asistan virtualmente, poderán seguir o seminario vía streaming na Canle Directo 3 da UVigoTV.
A Deputación de Pontevedra, xunto coa Universidade de Vigo, teñen como obxectivo, a través da creación da Cátedra de Feminismos 4.0, promover a igualdade, a non discriminación e accesibilidade universal das mulleres no ámbito das actuais sociedades da información. En concreto, a promoción e o impulso de actividades de investigación e innovación feminista en todos os ámbitos do coñecemento, priorizando os estudos relacionados coa dixitalización actual da sociedade e o ámbito das STEM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), onde as mulleres “están infrarrepresentadas e resulta un espazo cada vez máis relevante nas sociedades do futuro”.

PUBLICIDADE