Halo 3 estrea beta esta semana

luns, 14 de maio do 2007 Marcus Fernández

O vindeiro mércores Microsoft lanzará a versión beta do xogo Halo 3, no que parece ser un momento moi agardado polos seguidores dunha das sagas con máis sona de todo o lecer electrónico (lembremos que Halo 2 fora a estrea máis importante dun produto, superando incluso ás estreas cinematográficas). Esta versión de proba xa se está a presentar en distintos eventos reducidos, e parece deixar abraiados ós asistentes, pois parece superar á súa anterior entrega, de aí que tampouco debería sorprender que rache con tódolos records, posto que xa hai quen asegura que as reservas do novo xogo nos EE.UU. xa superan os 4 millóns de unidades (lembremos que Halo 2 xa arrasara cunhas reservas de 1,5 millóns).
A xente que puido ver a versión de proba do xogo asegura que non se trata dunha versión pouco madura e chea de erros, senón que está moi preto de ser a versión definitiva do produto, limitando o xogo a 3 niveis: Snowbound, High Ground e Valhalla.
O xogo incorporará distintas modalidades de xogo, novas armas, novos vehículos e gráficos moi mellorados, que nos vindeiros días poderán comprobar moitos xogadores da serie de videoxogo máis popular para Xbox 360.

PUBLICIDADE