Harmonix presenta un shooter rítmico en realidade virtual

mércores, 13 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Harmonix, a compañía detrás de xogos como Dance Central, Rock Band e a primeiras entregas de Guitar Hero, anunciou Audica, un shooter rítmico en realidade virtual que combina a xogabilidade dos xogos musicais de Harmonix con mecánicas propias dos xogos de acción e unha banda sonora con temas dos artistas máis populares da música electrónica, que o vindeiro 7 de marzo verá a luz en acceso anticipado tanto en Steam como na Oculus Store por 19,99 dólares.
Neste xogo manexaremos un par de blasters rítmicos cos que poderemos introducirnos nunha arena cósmica na que destruír os nosos obxectivos ao son da música. Será precisa unha grande sincronización e precisión para superar os distintos retos con éxito, e no seu lanzamento anticipado o xogo contará con 10 temas musicais con 4 niveis de dificultade cada un, aínda que o xogo final (previsto para o outono) contará con máis de 25 cancións.
As primeiras cancións confirmadas en Audica son Destiny de 1788-L & Blanke, I Want U de Alison Wonderland, I Feel Love (Afrojack Remix) de Donna Summer, The Space de James Egbert e Splinter de Savant, e en vista do éxito acadado por Beat Saber nos últimos meses podemos entender que este xogo vai contar con moitos usuarios ansiosos por probar a súa experiencia xogo en realidade virtual.

Tráiler de presentación de Audica

PUBLICIDADE