Harry Potter terá xogo móbil de realidade aumentada no verán

luns, 11 de marzo do 2019 Marcus Fernández

A compañía detrás da tecnoloxía que fixo posible Pokémon Go, Niantic, xuntou forzas con WB Games San Francisco para facer posible un xogo de realidade aumentada baseado no universo de Harry Potter que está previsto que chegue a dispositivos móbiles no verán, e do que veñen de ofrecer un pequeno adianto para ir creando expectación ante o que promete converterse nun dos fenómenos do ano.
Harry Potter: Wizards Unite podería definirse como un Pokémon Go cos personaxes dos filmes e libros de Harry Potter e Animais Fantásticos, ou sexa, todo o mundo de maxia creado por J. K. Rowling, convidando ao xogador a actuar coma un novo recruta dunha forza de choque creada polo Ministerio da Maxia e a Confederación Internacional de Magos para investigar e conter unhas misteriosas aparicións no mundo Muggle coñecidas como A Calamidade.
A acción do xogo repartirase en localizacións xeográficas no mundo real, de xeito que haberá que percorrer o noso contorno para localizar as aparicións máxicas e devolvelas a onde corresponde lanzando feitizos. Tamén haberá que recargar enerxía máxica e conseguir ingredientes para realizar pocións.
No mapa tamén poderemos atopar fortalezas onde se darán cita os magos para participar en desafíos, de xeito que varios usuarios poden xuntar forzas contra perigosos inimigos. Precisamente ante a posibilidade de colaborar con outros magos existe a posibilidade de desenvolver distintas profesións máxicas (auror, profesor ou maxizoólogo) para poder facer uso de distintas habilidades que resulten axeitadas para momentos concretos dos desafíos que superar, obrigando así a colaborar e establecer estratexias.
Os que queiran estar ao día do xogo, poden rexistrarse para recibir un aviso cando estea dispoñible na súa versión para Android.

PUBLICIDADE