Hobbycon celebra a súa edición de verán entre o 25 e o 28 de xullo

mércores, 24 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Un ano máis as instalacións de PALEXCO veranse ocupadas pola feira multidisciplinar Hobbycon, que xuntará a seareiros de distintas disciplinas nos lecer alternativo como serían a banda deseñada, o manga, os xogos de mesa, o K-pop, a cultura asiática e os videoxogos.
Precisamente o mundo dos videoxogos ten unha presenza que poderiamos considerar transversal, xa que, aparte de postos de xogo libre no recinto e a celebración de numerosos torneos, a cultura do gaming invade outros ámbitos, de xeito que a meirande parte dos cosplays que poderán verse entre os días 25 e 28 de xullo en PALEXCO estarán inspirados en videoxogos como League of Legends, The Witcher, World of Warcraft e outras franquías con toques fantásticos.
No que a torneos se refire, a primeira xornada da Hobbycon abrirá os seus torneos ás 15:00 horas, cunha competición de 2 contra 2 no Rocket League para PC, mentres que ás 15:00 horas botarán a andar competicións de Mario Kart 8 Deluxe e Naruto Ultimate Ninja Storm 4.
Na xornada do venres teremos que ás 13:00 horas iniciarase un torneo de 2 contra 2 de League of Legends, ás 15:00 horas comezará a competición de Hearthstone, ás 15:e0 horas de FIFA 19 e ás 16:00 horas de Blazblue Central Fiction e Under Night In-Birth Exe: Late[st].
Na fin de semana tamén celebraranse diferentes competicións de videoxogos e tamén cómpre advertir de que o domingo os cosplayers poderán acceder ao recinto de balde.

Programa de actividades da edición de verán da Hobbycon

PUBLICIDADE