Humble Bundle anínamos a crear os nosos propios videoxogos

martes, 1 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Os usuarios que queiran aprender a facer os seus propios videoxogos teñen agora unha nova oportunidade de achegarse a este mundo grazas á última iniciativa solidaria de Humble Bundle, que durante un par de semanas ofrecerá a ferramenta de creación de videoxogos GameMaker Studio de YoYoGames xunto con varios xogos desenvolvidos coa mesma (para que os usuarios poidan xogar e aprender como están feitas esas creacións).
O The Humble GameMaker Rebundle parte dun lote de xogos xunto co GameMaker: Studio Pro, o que permite facer xogos multi-plataforma dun xeito doado, estando dispoñible para calquera que contribúa á campaña solidaria; quen pague máis da media (algo máis de 9 euros) recibirá algúns xogos adicionais e o módulo que permite exportar as creacións de GameMaker a HTML5, o que permite incrustar os xogos en páxinas web e incluso en Facebook; e, finalmente, quen pague a partires de 15 dólares recibirá algún xogo máis e os módulos de exportación para Windows Phone, iOS e Android, ou sexa, que abre á porta á creación de xogos para dispositivos móbiles dun xeito moi accesible.
Esta ferramenta empregouse para desenvolver xogos como Spelunky e Maldita Castilla, polo que a súa solvencia como plataforma para a creación de xogos está máis que demostrada, cunha profundidade que permítelle abordar numerosos xéneros (dende un runner até unha aventura gráfica) e niveis de acabado (dende un básico xogo pixel art até unha produción con gráficos detallados).

PUBLICIDADE