Humble Bundle oferta varios xogos deportivos para PC

mércores, 1 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Durante un par de semanas o proxecto solidario Humble Bundle oferta un lote de xogos deportivos que poderemos desbloquear da nosa colección de Steam, polo que é unha magnífica oportunidade para facerse con xogos moi atractivos para gozar no tempo de lecer á vez que se contribúe con algún proxecto solidario como Access Sport, que busca achegar aos mozos británicos ao mundo do deporte para ter un maior desenvolvemento persoal e unha vida máis saudable.
Os usuarios que acheguen a partires de 1 euro poderán facerse co xogo de motor GRID 2, o xogo de pesca SEGA Bass Fishing e Eastside Hockey Manager; mentres que se pagamos máis da media de participantes (4,74 euros no momento de escribir estas liñas) teremos tamén Motorsport Manager, DIRT Rally, Super Blood Hockey e un cupón co 75% de desconto para Football Manager 2018 (quedando o seu prezo en 13,75 euros).
Para completar o lote, os que achegue a partires de 12 dólares conseguirán tamén F1 2017, xogo de motor de grande éxito e realismo, que é o actual referente do seu xénero, en espera a que o 24 de agosto saia á venda F1 2018.