IBM convértese en socio tecnolóxico de La Caixa

venres, 30 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

IBM e La Caixa selaron esta semana un acordo encamiñado a optimizar a xestión do equipamento tecnolóxico da entidade financeira. A alianza, que abrangue un período de colaboración de dez anos, fixa a IBM como socio TIC da entidade financeira, unha das máis importantes do eido estatal e europeo. Máis en detalle, a través deste acordo vaise xestionar o orzamento de infraestruturas do grupo bancario, máis de 2.000 millóns de euros nun período de dez anos. A metade deste presuposto constitúe o valor do contrato para IMB, correspondéndolle a outra metade á Sociedade de Servizos Informáticos do Grupo La Caixa (SILK) para a xestión de servizos achegados por terceiros.
A multinacional IBM fornecerá á caixa de servizos de infraestrutura TIC, xestión de aplicacións e operacións. Asemade, tamén operará os centros de proceso de datos de La Caixa, emprazados en Cerdanyola del Vallés e Sant Cugat del Vallés (Barcelona). A nova alianza, informan ámbalas partes, suporá un aforro de 400 millóns de euros para a entidade financeira, grazas sobre todo ás melloras previstas no control dos seus equipamentos da información e, polo tanto, na información mesma, miolo de vindeiras estratexias como por exemplo a creación de proxectos de mobilidade, redes sociais e computación na nube.

PUBLICIDADE