ICANN rexeita os nomes de dominio sen puntos

luns, 19 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Nun momento no que ICANN está a desenvolver un complexo proceso de avaliación de novos dominios de Internet que van mudar substancialmente o espazo de dominios dispoñibles e o uso que podamos facer dos mesmos, reciben unha petición para tomar en consideración a posibilidade de dar pé a un novo tipo de nomes de dominio sen puntos, o que permitiría crear un novo protocolo no que Google leva tempo traballando e que podería remitir ao usuario a distintos servizos da súa elección en conformidade coa palabra introducida na barra de enderezos do seu navegador. Por exemplo, http://search podería dirixir ao usuario a Google, Bing ou Yahoo (podendo elixir o usuario a súa ferramenta preferida).
Pero dende ICANN concluíron que os nomes de dominio sen puntos supoñen un grande risco de seguridade e estabilidade para a Internet, polo que decidiron prohibilos, como era de prever, especialmente porque podería pór en dúbida toda a estrutura de novos dominios de Internet que están a crearse durante estes meses.