Iacobus impulsou case 800 proxectos científico-tecnolóxicos nas dúas beiras da raia

mércores, 28 de agosto do 2019 Redacción

Vicepresidencia vén de facer reconto da actividade do programa Iaocobus, destinado a alentar a cooperación científica e tecnolóxica universitaria e dos centros tecnolóxicos de Galicia e o norte do Portugal. Segundo se fai saber no balance, o programa ten apoiado dende 2014 un total de 798 proxectos, cun financiamento de preto de 880.000 euros. Na iniciativa, ademais, participan sete universidades, catro institutos politécnicos e 22 centros tecnolóxicos de ámbalas beiras da raia. Ten dúas modalidades: Iacobus estadías de investigación e Iacobus papers (divulgación de publicacións científicas).
O programa está xestionado pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP, AECT), en colaboración coa Xunta, a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte e a Fundación CEER, e está co-financiado polo Programa INTERREG VA.
O abano de áreas de traballo dos beneficiarios das convocatorias lanzadas é moi amplo: ciencias da saúde, humanidades, enxeñarías, ciencias económicas e empresariais, ciencias sociais, Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC), ciencias ambientais, recursos naturais, dereito, etc.
A día de hoxe está en desenvolvemento a correspondente á sexta edición. Os resultados das enquisas de satisfacción sobre as anteriores convocatorias indican “un grao de satisfacción elevado”, xa que en torno ao 90% da valoración é “alta ou moi alta, manténdose os resultados relativamente estábeis no tempo”, segundo se sinala no balance.
Ao abeiro de Iacobus desenvolvéronse novos proxectos, como por exemplo a Feira Internacional de Emprego Universitario (Universidade de Vigo, do Porto e a UTAD), a feira FINDE.U. Asemade, promoveuse a organización conxunta de eventos, congresos, xornadas e cursos específicos entre as universidades socias do programa. En 2018 púxose en marcha outra novidade, xa que se lanzou por primeira vez o Iacobus Publicacións Científicas, que ten como obxectivo principal fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e divulgación científica, a través de axudas económicas á publicación de artigos en revistas indexadas no vixente Journal Citation Report (JCR) e Scopus (para a área das humanidades), así como mellorar a calidade científica e a competitividade das universidades. Nesta primeira edición foron apoiadas 34 publicacións científicas cun valor total de 34.000 euros destinados aos grupos de investigación dos respectivos demandantes.

PUBLICIDADE