Inaugúrase en Fonseca unha mostra que amosa a historia informática da Universidade de Santiago

luns, 22 de maio do 2017 Redacción

O Colexio Fonseca da Universidade de Santiago acolle dende hoxe a mostra A historia da informática na USC, impulsada polo propia USC coas importantes achegas do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A exhibición abrangue aparellos como unha máquina perforadora, un Mac LC ou un Toshiba Portátil, todos eles de especial relevancia para o desenvolvemento de importantes fitos históricos da USC. Foi inaugurada polo reitor Juan Viaño, quen fixo un percorrido polo significado destes e outros trebellos.
O obxectivo da exposición, comisariada polo profesor José Ángel Docobo, é “guiar o espectador pola historia da informática na USC, que arranca no ano 1969 cando o reitor García Carrido decide impulsar un centro de cálculo propio grazas á colaboración da Fundación Barrié de la Maza”. Segundo engadiu Viaño, “a devandita foi unha decisión que marcaría o inicio da modernización tecnolóxica na universidade”. Precisamente, engadiu, a constitución do Centro de Cálculo Barrié de la Maza é “unha das claves da mostra”, como tamén o é o Proxecto Telegal, “que levou a informática ás ensinanzas primaria e secundaria de Galicia”.
Ademais, exponse o primeiro computador analóxico que tivo a USC e mediante paneis didácticos coñécense as partes básicas e características dun computador e a evolución da informática dende os anos setenta até os nosos días, a través dun compendio de aparellos dos 80 e 90 e dos distintos soportes de almacenamento de datos. Inclúese tamén un apartado dedicado ás aplicacións actuais da computación en distintas liñas de investigación que se están a desenvolver na USC.
A mostra poderá visitarse durante todo este ano de 12.00 a 20.00 horas de luns a venres e ata as 15 horas os sábados. Os centros educativos e outros colectivos interesados en realizar unha visita guiada poden poñerse en contacto co profesor Docobo Durántez no enderezo joseangel.docobo@usc.es.

PUBLICIDADE