Industria prepara unha exposición interactiva para celebrar o Día de Internet
luns, 11 de maio do 2009
No
marco da celebración da quinta edición do Día de Internet o vindeiro 17 de
maio, data sinalada no noso calendario xa que tódolos galegos e galegas
honraremos o recordo do que fora o primeiro presidente do Consello da Cultura
Galega, Ramón Piñeiro, o Ministerio de
Industria, Turismo e Comercio vai organizar unha gran exposición na Praza
de Felipe II de Madrid, coa fin de achegarlle á cidadanía as Tecnoloxías da
Información e a Comunicación (TIC) e mostrarlle de xeito práctico as vantaxes
que aporta o seu uso na vida diaria.
Esta
exposición, cuxo lema é Sube ao tren de
Internet, poderá ser visitada dende o 14 ao 17 de maio, catro intensos días
nos que se porán en marcha distintas actividades que buscan a participación
cidadá no eido das TIC e Internet.
Estas
actividades vanlle prestar especial atención a colectivos con menor facilidade
de acceso ás TIC, como son os maiores de 55 anos, os e as inmigrantes e as persoas
con discapacidade, que contarán con áreas e demostracións especialmente
enfocadas a eles.
No
evento tamén haberá un espazo orientado aos profesionais, especialmente autónomos,
emprendedores e micropemes, moitos dos cales, segundo afirman os organizadores,
“aínda non coñecen as oportunidades e
posibilidades que supoñen as TIC para aumentar a competitividade dos seus
negocios e precisan axuda para aproveitarse das infraestruturas tecnolóxicas
existentes”.
A
entrada e participación nas actividades será totalmente de balde e algunhas das
áreas máis destacadas serán as das demostracións do funcionamento das TIC (TDT,
entornos multimedia…) e de Internet (redes sociais, identidade dixital, procura
de dominios…) así como as da administración dixital e os xogos seguros na Rede
(con vistas aos máis cativos) onde os visitantes poderán interactuar coas
ferramentas dispoñibles.
O
nome da exposición, Sube ao tren de
Internet, está directamente relacionado co xeito no que esta foi deseñada
posto que se trata dunha gran estación ferroviaria dedicada ás TIC, que conta
cunha carpa central dende a que parten os diversos espazos nos que se organizan
as actividades.
O
evento conta cun amplo equipamento audiovisual que inclúe ordenadores con
conexión ADSL, grandes pantallas de plasma, equipos con TDT integrada e puntos
de información móbil, entre outras cousas e pode ser visitado en horario ininterrumpido
de 10:00 a 20:00 horas.
Este
evento súmase ao conxunto de iniciativas que de xeito continuo desenvolve o
Ministerio de Industria, Turismo e Comercio dentro do Plan Avanza2 para
contribuir ao fomento e desenvolvemento da Sociedade da Información no noso país.
