Inicia Coworking enfía a recta final do verán cun obradoiro de startups

xoves, 7 de setembro do 2017 Redacción

A concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, inaugurou este mércores un obradoiro especialmente dirixido a emprendedoras/es que se atopen en proceso de pór en marcha as súas iniciativas de mercado innovadoras. O taller Onde estamos? Creando Startups e Empresas: Design Thinking, Investigación Mercados foi impartido por Juan Luis Jimeno, especialista en consultoría estratéxica e en formación e adestramento para futuros responsábeis de firmas innovadoras e tecnolóxico-dixitais.
Segundo informa o Concello, con este obradoiro continúa a actividade da segunda fase do programa Inicia Coworking, que conta con mentores e relatores referenciais a nivel galego e estatal, “ao igual que na primeira quenda” do programa.
Neste nova etapa do proxecto toman parte 20 emprendedores, que recibirán durante cinco meses de xeito gratuíto apoio integral, individual e personalizado aos emprendedores e emprendedoras de Lugo para poñer en marcha con éxito a súa empresa, asegurando así a súa viabilidade tanto técnica como económica.
Inicia Coworking, como lembraremos, é unha iniciativa de emprendemento e innovación desenvolvida polo Concello de Lugo e a Escola de Organización Industrial (EOI) e mediante a cal o empresariado novo local ten a oportunidade de impulsar os seus proxectos (contando de maneira gratuíta con apoio individual e personalizado) até convertelos en negocios. Boa parte das 20 startups que participan na primeira e na segunda fase do programa están ligadas ás novas tecnoloxías e o turismo.

PUBLICIDADE