Innogando incorporouse ao Consello Asesor da Confederación de Empresarios de Lugo
martes, 17 de febreiro do 2026
A empresa lucense Innogando, vén de integrarse no Consello Asesor da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL). Para formalizar a integración, Elio López García, director executivo (CEO) e co-fundador da firma, e Jaime López, secretario xeral da CEL, mantiveron os días pasados un encontro de traballo, orientado a explorar vías de colaboración e iniciativas a desenvolver conxuntamente.
O secretario xeral da CEL manifestou a súa satisfacción pola incorporación dunha empresa nova e innovadora como Innogando, subliñando o gran valor deste tipo de iniciativas empresariais que, desde Lugo, “axudan a optimizar o funcionamento de explotacións rurais a través da tecnoloxía”, modernizando un sector clave para a economía local da provincia e converténdose en exemplo a seguir “pois é unha empresa pioneira a nivel mundial no tipo de solucións e servizos que ofrecen”.
Innogando é unha empresa tecnolóxica especializada en solucións tecnolóxicas avanzadas “para que os gandeiros poidan mellorar a rendibilidade da súa granxa e a calidade de vida tanto dos animais como deles mesmos”. Entre estas solucións atópanse os RUMI (colares intelixentes) dispositivos con GPS e panel solar monitoran en tempo real a localización, saúde, actividade e celos do gando, xestionando todo iso a través dunha plataforma (RUMI App) que permite un seguimento total destes datos desde un móbil.
A empresa anunciou que estes servizos veranse incrementados no colar cunha nova prestación que está en fase de probas (aínda que xa moi avanzada, pois esperan que estea totalmente operativa no verán). Trátase do valado virtual, que permite o telepastoreo do gando a través de estímulos sonoros e vibracións.
Na actualidade, Innogando está conformada por un equipo de 35 persoas, con perfil novo e titulacións superiores; achegando servizo a máis de 1.500 clientes en España. A firma lucense ten instalados xa máis de 50.000 dispositivos tanto en España como noutros países. Concretamente, a empresa leva un tempo en proceso de internacionalización, con clientes en países como Estados Unidos, Nova Zelandia, Venezuela, Arxentina, Uruguai México, Irlanda ou Portugal.
Amais, vén de ser recibir o apoio a un dos seus proxectos dentro dos Programas Innoglobal do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI). Foi, de feito, a terceira proposta mellor valorada de todo o Estado nesta convocatoria, contando co apoio de Medrar Innovation Solutions para a formulación da proposta. É un proxecto que lles permitirá mellorar os seus servizos tecnolóxicos e ampliar a súa implantación a nivel internacional.
Coa incorporación de Innogando, o Consello Asesor da CEL conta na actualidade con máis de 40 empresas integradas, que representan a todos os sectores con implantación na provincia, con especial atención ao de servizos e agroalimentario, este último de interese estratéxico para Lugo.
