Intel e Mobileye desenvolverán unha frota de proba con 100 vehículos autónomos de nivel 4

venres, 11 de agosto do 2017 Redacción

Intel vén de pór en marcha a integración da tecnoloxía de visión artificial e realidade aumentada de Mobileye (recentemente adquirida pola primeira compañía) para desenvolver unha frota de proba cun centenar de vehículos autónomos de nivel 4. Ou sexa, 100 coches conectados á nube que sumarán, en si mesmos, as capacidades de Intel e Mobileye. Nun plano máis concreto, asemellaranse aos seus dous “proxenitores” e incluirán, polo tanto, cousas de Mobileye (visión artificial, sensores, fusión, cartografía e directrices de condución) e cousas de Intel (plataformas informáticas abertas e unha longa experiencia en centros de datos e tecnoloxías de comunicación 5G). O obxectivo? Producir “un sistema completo do coche conectado á nube”.
Os coches resultantes serán probados en Estados Unidos, Israel e Europa. Os primeiros vehículos da frota, que chegará a contar con máis de 100 automóbiles, estarán dispoñíbeis a finais deste ano.
Segundo explica Amnon Shashua (vicepresidente sénior de Intel Corporation e futuro director executivo e responsábel tecnolóxico de Mobileye), “producir coches e probalos nas condicións do mundo real proporciona información inmediata e acelera o desenvolvemento de tecnoloxías e solucións para vehículos completamente autónomos”.
Respecto da diversidade das contornas elixidas para realizar as probas (países de Europa, Estados Unidos, Israel), sinala que “a diversidade xeográfica resulta moi importante, posto que cada rexión ten o seu propio estilo de condución e as súas propias estradas, e o noso obxectivo é desenvolver tecnoloxía para vehículos autónomos que poida ser aplicada a calquera lugar”.
A frota de proba, engadiu, permitirá demostrar as capacidades avanzadas e o potencial competitivo da solución híbrida baseada en tecnoloxía de Mobileye e Intel perante os clientes nunha contorna real e tamén actuará como base para interactuar directamente cos reguladores. Ademais, servirá para presentar conceptos innovadores de mapeo e validación de seguridade orientados a facilitar a capacidade de adaptación e de evolución. “Queremos achandar o camiño para que os fabricantes de coches poidan producir vehículos autónomos canto antes, reducindo os custos”, explicou, engadindo que “os datos que solicitemos servirán para xerar importantes aforros de custos para os nosos clientes”.

PUBLICIDADE