Intelixencia artificial para advertir da chegada da marea vermella á nosa costa

xoves, 24 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

Unha boa parte do que nos afecta dende a nosa contorna, en termos de medio natural, pode ser visto ao lonxe, albiscado, coa axuda da tecnoloxía. Sabemos, por exemplo, que o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) traballa neste eido dende hai anos, achegando a súa tecnoloxía para a predición das correntes mariñas ou da radiación solar. Estes e outros fenómenos cóllennos de preto, é certo, pero se cadra poucos hai tan propiamente nosos como a marea vermella. A cuestión da toxina nos nosos bivalvos e moluscos tamén vai ser estudada a fondo, e vista ao lonxe, por científicos galegos. A clave: a intelixencia artificial.
Os nosos investigadores, coa axuda especialistas cataláns, materializarán o seu traballo a través dun consorcio público privado que desenvolverá unha ferramenta para poñer ao alcance do sector metodoloxías para detectar en tempo real a presenza da dita toxina. O sistema é abondo importante dende o punto de vista da nosa saúde (xa que as algas que producen a marea vermella poden ser mortais) pero tamén dende a óptica económica, xa que cada vez que proliferan e para a produción as perdas do sector dispáranse.
O obxectivo é minimizar estas perdas até un 50% por batea. Como se pode conseguir? Pois non a través da eliminación senón da predición, cousa que lles permitiría ás nosas explotacións dispoñer do factor antelación, facendo o preciso para reducir o impacto. O sistema, coñecido xa como Purga de mar e contando cun orzamento de 1,2 millóns de euros, achegaría prognósticos fiábeis, como mínimo, unha semana antes da chegada da marea vermella. Os labores de dirección do proxecto están a ser levados a cabo por EcoHydros, recaendo os de coordinación no Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG). O seu traballo basearase no uso de tecnoloxías innovadoras no eido da monitorización a distancia, empregando redes de sensores sen fíos, sistemas GIS-Web e intelixencia artificial. O produtor terá acceso en Internet, en tempo real, aos datos que acheguen as devanditas infraestruturas. Segundo reflicte Praza Pública, a plataforma de acceso incorporada é unha ferramenta de doado uso e instalación, adaptábel a cambios e a adaptacións a outros escenarios de traballo e especies tóxicas para o ser humano.

PUBLICIDADE