Intermón Oxfam lanza Refugee, un videoxogo para chamar a atención do mundo sobre os refuxiados

mércores, 14 de marzo do 2007 Raquel Noya

Se tiveramos que chamar á atención dos máis novos sobre algún problema ou causa pola que loitar, probablemente que ninguén discutiría que unha das mellores maneiras posible é facelo a través dalgún videoxogo ou descarga para o teléfono móbil. A ONG Intermón Oxfam non dubidou en empregar esta estratexia para sensibilizar ó público, en especial ós cativos e rapaces, e darlles conta da situación na que viven millóns de refuxiados en todo o mundo por mor de desastres naturais como os que xera o cambio climático ou desastres humanos como os que causan os conflitos armados.
Refugee é un videoxogo para teléfonos móbiles que recrea a vida dunha muller africana, Aissa, que fuxe da súa aldea cos seus fillos debido á seca. No seu camiño, Aissa ten que afrontar tres probas diferentes: cruzar un deserto esquivando minas antipersoa, chegar a un campo de refuxiados escapando da guerrilla e, unha vez alí, obter alimentos e auga potable para os seus fillos.
Baixo o lema Isto non é un xogo, a ONG tiña previsto dar a coñecer o xogo na estación de metro de Novos Ministerios (este mércores 14), na que estaba proxectado crear un falso campo de refuxiados. A idea consiste en probar o videoxogo dentro dunha tenda de campaña e ver imaxes reais da vida nestes campos. Segundo Intermón Oxfam, “a iniciativa ten por finalidade informar e sensibilizar sobre un problema que afecta a 8,4 millóns de persoas en todo o mundo, das que o 80 por cento son mulleres e nenos”.
A recadación obtida polas descargas deste produto destinaranse ós proxectos humanitarios de Intermón Oxfam nos campos de refuxiados de Darfur en Chad.

PUBLICIDADE