Internaco mostra en Lugo os robots máis innovadores para lograr unha agricultura moderna e sustentábel
xoves, 20 de xullo do 2023
O
grupo galego Internaco,
con sede en Ordes, protagonizou este mércores 19 de xullo unha
xornada sobre agrorobótica na Escola Politécnica Superior de
Enxeñería (EPSI) do Campus Terra, da Universidade de Santiago
(USC). O obxectivo, en palabras da empresa, foi “trasladar aos
alumnos do Grao de Robótica de Lugo (único en España) e a
estudantes de disciplinas relacionadas con este ámbito a importancia
da innovación na agricultura do futuro, así como as perspectivas
que se abren coa implantación da robotización nos traballos do
campo”. A cita culminou unha demostración práctica das
posibilidades dos robots agrícolas TED e OZ, trebellos de última
xeración do grupo.
A
xornada contou coas contribucións que realizaron catro expertos da
empresa galega, que desde hai máis de 20 anos leva a cabo unha
aposta pola innovación e a modernización do sector. Sergio Grau
Boix, director de vendas de AG/AG-Group Europe - Internaco Group, foi
o encargado de abrir os relatorios cunha presentación do grupo
empresarial creado en Ordes en 1976 e que é hoxe un referente no
sector maquinaria forestal, agrícola e de xardinería. Segundo fixo
saber Sergio, a aposta da firma pola agro-robótica reforzouse nos
últimos anos coa incorporación de marcas de referencia no sector
como a sueca Husqvarna e a incorporación de AG/AG Group en 2022.
Grau fixo fincapé, durante a súa intervención, na “firme
decisión de seguir crecendo no sector agrícola español” a través
da aposta pola división Innovation, que “presenta unha ampla gama
de produtos con solucións respectuosas e sustentábeis co medio
ambiente grazas á dixitalización e a robotización do sector
agrícola”, dixo, engadindo que “estamos a falar dun futuro moi
presente, e os clientes esperan solucións e avances en robótica
para todos os desafíos que expón hoxe a agricultura máis
respectuosa co medio natural”.
A
xornada continuou coas intervencións de Sophie Graillot, enxeñeira
de soporte técnico, e Josep Dalmases, responsábel da división
Innovation de AG/AG-Group Europe -Internaco Group-, quen expuxo os
aspectos máis destacados dos robots agrícolas das marcas FarmDroid
e Naïo Technologies, que AG/AG Group distribúe en España e
Portugal. Ambas as liñas representan, dixo, “a agricultura do
futuro cos robots pensados especialmente para a viña e os cultivos
de hortalizas”.
Dese
futuro falou precisamente outro dos expertos. Carlos Rivera, xestor
de produto de Batería e Automower de Husqvarna, quen foi o encargado
de profundar na modernización, a evolución e as perspectivas da
robótica no sector do campo e xardín. Uns aspectos que, incidiu,
abren novas posibilidades profesionais, xa que “a formación de
certos sectores onde terá un gran impacto a robótica será a clave
para poder levar a cabo esa gran transformación”.
Tralas
súas explicacións, os asistentes puideron comprobar a eficiencia de
dúas deses robots cunha demostración no campo de prácticas da
Escola. Por unha banda, o modelo TED para traballos en
plantacións de viñedo e que se presenta como unha alternativa ao
uso de herbicidas, xa que realiza tarefas de roza de forma precisa e
respectando o chan. A demostración repetiuse co modelo OZ,
para explotacións hortícolas, que mostrou como lograr un óptimo
desherbado do viñedo grazas ao seu sistema de mapeado do terreo.
A
xornada, coordinada polo profesor de Robótica Javier Bueno, tiña
como obxectivo presentar a agro-robótica como un sector en expansión
e cun rápido crecemento e implantación, “unha industria en auxe
que abre novas perspectivas de futuro para unha agricultura moderna e
sustentábel”. Na EPSI do Campus Terra impártese actualmente a
titulación de Grao en Robótica, que é a única de España que
oferta a posibilidade de especializarse en agro-robótica.