Internet aínda non desbanca á televisión como medio para seguir os Xogos
xoves, 14 de agosto do 2008
Segundo vén de anunciar o Wall
Street Journal, os espectadores seguen preferindo a televisión como medio
de comunicación para seguir os Xogos Olímpicos de Pequín pois os últimos datos
de audiencia así o demostran.
O xornal norteamericano afirma que as cifras de
espectadores por Internet non son nada favorables e aínda que non son “desoladoras”
non se corresponden, dende logo, coas expectativas iniciais que se tiñan
respecto deste medio.
O medio estadounidense apuntou como exemplo que
tan só un 0,2 por cento do total de espectadores están a seguir os Xogos
exclusivamente a través das emisións en liña da NBC e que tan só preto do 10
por cento do total usan os medios en liña para ver as competicións, fronte á
gran maioría (o 90 por cento dos espectadores) que optan polo medio habitual: a
televisión.
A conclusión principal que se desprende deste
estudo é que a cobertura en liña só se emprega como fonte secundaria de
información e que, sempre que se pode, os espectadores optan pola televisión
como medio principal.
Os datos, aínda que se refiren aos
espectadores estadounidenses, poden ser extrapolados ao noso pais xa que, tendo
en conta que a penetración de Internet é menor cá norteamericana, as cifras
poderían ser moi similares ou incluso situarse por debaixo.
