Intervida remodela a súa web infantil, facéndoa máis atractiva e navegable
martes, 10 de marzo do 2009
Moitas veces, o feito de pensar que as cousas poden ser
mellores do que son se se quere, pode axudar a cambialas, porén para facer do
noso planeta un espazo mellor (que ninguén dubida que é necesario), precisamos da
axuda de todos, incluídos os mais pequenos, que a fin de contas son os adultos
do futuro e os que terán a tixola polo mango á hora de repartir os recursos da
natureza con xustiza.
Posiblemente por isto, a ONG de desenvolvemento, Intervida,
vén de presentar hoxe unha nova páxina web infantil que vai dirixida
especialmente aos nenos e nenas de entre seis e once anos para “potenciar o seu espírito crítico e
axudarlles a entender as desigualdades do mundo”.
A web SOL,
que así se fai chamar, preséntase a modo de xogo, cunha interface moi divertida
para os máis cativos da casa, e tén como obxectivo, espertar a curiosidade dos e
das menores “cara o coñecemento de
realidades distintas ás súas”, facendo que se habitúen a adoptar posturas
de reflexión e diálogo “como vía para a
resolución de conflitos”.
Con esta iniciativa, o departamento de Educación para o
Desenvolvemento (EPD) da organización, pretende conseguir, mediante un enfoque
lúdico, que os cativos e as cativas “sexan
capaces de analizar o seu entorno e construir unha actitude crítica e
responsable cara a sociedade”. É por isto que, os seus responsables
directos, remodelaron a web para presentala de xeito máis dinámico, atractivo e
con maior riqueza de contidos facendo que a súa navegación fora moito máis que
un xogo.
O portal SOL, que forma parte dun proxecto de maior
envergadura que inclúe unha revista en liña e outra impresa, permítelle aos
seus usuarios (por cativos que sexan) navegar polas distintas seccións da web,
tales como xogos, bibliotecas ou obradoiros, para ir descubrindo por si mesmos
cal é a situación do mundo actual.
Asemade, o portal inclúe unha sección destinada aos docentes
e, dentro de pouco, segundo anunciaron, incorporarase a posibilidade de acceder
á sección Club, “unha comunidade específicamente
deseñada para os usuarios habituais”.
O proxecto SOL conta cunha serie de personaxes que, a través
das súas viaxes polo mundo, dan a coñecer a diversidade cultural e achegan aos
nenos e nenas temas tan polémicos como a desigualdade, a pobreza, a
alfabetización, a interculturalidade, os dereitos humanos, a explotación
laboral infantil e a protección do medio.
