Investigadores da USC deseñan un procedemento para estudar inscricións e gravados en 3D

luns, 4 de xaneiro do 2016 Redacción

Un grupo de investigadoras/es da área de Prehistoria e Arqueoloxía da Universidade de Santiago veñen de desenvolver unha nova metodoloxía para o procesado o informático de imaxes e o estudo pormenorizado de petróglifos, inscricións ou gravados megalíticos en 3D. A tecnoloxía creada, que se fundamenta sobre software libre, está a ser probada en petróglifos de Campo Lameiro e máis en inscricións do Museo do Pobo Galego. Miguel Carrero Pazos, Alia Vázquez Martínez e Benito Vilas Estévez son os impulsores da iniciativa, de nome AsTrend, cuxo obxectivo é “axudar a obter un rexistro máis exacto dos gravados”.
O proceso, reflicte a Universidade de Santiago, parte do traballo cun escáner 3D ou cunha metodoloxía de baixo custe denominada fotogrametría de obxecto próximo e “baséase na creación dun modelo tridimensional a partir de series de fotografías que se poden tomar con cámaras convencionais”.
Con respecto a metodoloxías previas e análogas, o traballo desenvolvido polo grupo de especialistas da USC achega o “extra” de pór en xogo melloras importantes no proceso de “posprocesado”, salientando as concavidades e convexidades do modelo 3D para ler mellor os gravados. Segundo Miguel Carrero “até o de agora existían achegas que, de diferente forma, xogaban con sombras artificiais para poder ver mellor os motivos”. Coa metodoloxía que presenta o equipo de Carrero tírase partido de das visualizacións da tecnoloxía LiDAR para exaltar detalles. O froito de todo isto, salientan, é “un rexistro dos gravados moito máis exacto”.
O proxecto do equipo da USC atópase arestora en vías de publicación e será presentado no Computer Applications and Quantitative Methods in Archeology, en 2016 en Oslo, congreso internacional sobre novas tecnoloxías aplicadas á Arqueoloxía.

PUBLICIDADE