Investigadores da UVigo e a UDC reivindican o uso do Big Data na comunicación empresarial
martes, 26 de xullo do 2022
Xabier
Martínez Rolán, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da
Comunicación do Campus de Pontevedra, e a investigadora da UDC
Teresa Piñeiro participaron na elaboración dun libro colectivo que
analiza (e reivindica) o potencial de transformación da Intelixencia
Artificial e o Big Data (análise de información a gran escala) para
a comunicación das empresas. A obra Organizational Innovation in
the Digital Age, que reúne contribucións de
investigadores de sete países, foi coordinado por Carolina
Machado, da Universidade de Minho, e J. Paulo Davim, da Universidade
de Aveiro.
Trátase
dun libro editado por Springer que reúne as achegas de
investigadores e investigadoras de Finlandia, Países Baixos,
Romanía, México, Turquía, Portugal e España sobre as políticas e
prácticas innovadoras que as empresas e organizacións deben
desenvolver “para ter éxito nesta era dixital”, como recolle o
seu texto de presentación. Nunha análise que abrangue múltiples
aspectos vinculados á innovación, Martínez Rolán e Piñeiro
encárganse de pór o foco nas oportunidades do Big Data
no ámbito da comunicación dixital, no capítulo Organizational
Innovation in the Digital Age: Surfing on big data: automation and
data mining as a marketing strategy.
Combinando,
como explica Martínez Rolán, “os estudos académicos coas
tendencias do mercado, co que se está facendo no sector
profesional”, o seu traballo abrangue desde a análise de
“diferentes concepcións sobre intelixencia artificial a como esta
pode aplicarse a unha estratexia de comunicación practicamente para
calquera empresa”. Trátase dun “ámbito incipiente sobre o que
queda moito por facer” e con múltiples posibilidades, xa que “a
través da análise de datos masivos é posíbel comprender mellor á
audiencia, así como personalizar mensaxes e accións de cara a unha
meirande efectividade das campañas que se desenvolvan”.
O
estudo pon o foco nas posibilidades que poderían achegar os procesos
de aprendizaxe automática ou Machine Learning
na realización de “campañas moito máis rendíbeis”, xa que
permitirían “analizar a taxa de abandono ou baixa dun servizo,
segmentar os clientes a partir de distintos parámetros ou analizar
os comentarios daqueles sobre os produtos ou servizos”. A partir de
aí, detéñense tamén na chamada Deep Learning,
“a aprendizaxe non supervisada”, e en como esta contribuirá a
xerar “experiencias de compra individuais e a desenvolver campañas
de mercadotecnia personalizadas e dirixidas”. Do mesmo xeito, outro
dos apartados do traballo incide nas posibilidades das “ferramentas
de automatización” e en como estas poderían empregarse en
determinadas “tarefas repetitivas ou secuenciais”, tamén no
ámbito da comunicación dixital.
Martínez
Rolán e Piñeiro tamén se deteñen nas oportunidades que implica
para as empresas esta era de “mercados máis amplos e máis
públicos”, pero tamén “moito máis competitiva”. Neste punto,
o profesor de CCSS e da Comunicación destaca como unha das
oportunidades máis relevantes “a filosofía do no-coding ou
low coding”, o impulso de ferramentas para persoas sen
coñecementos de programación, que igual que fixeron posible o
deseño de múltiples aplicacións, van permitir tamén “democratizar
a Intelixencia Artificial”.