Investigadores do CiTIUS impóñense no reto internacional de cálculo avanzado en cardioloxía clínica

martes, 10 de outubro do 2017 Redacción

De esquerda a dereita, Paulo Félix, Tomás Teijeiro, Constantino García e Daniel Castro. (Foto: Andrés Ruiz / CiTIUS)

O meirande desafío internacional de computación en cardioloxía clínica vén de ser resolto por investigadores da nosa terra. Máis en detalle, por investigadores do centro de investigación CiTIUS da Universidade de Santiago. Segundo nos conta o centro, os científicos do seu programa de eSaúde obtiveron o mellor resultado dos 75 participantes rexistrados, entre os que cómpre salientar equipos de universidades tan referenciais (e tan afeitas a copar galardóns e recoñecementos) como Stanford e Oxford. A equipa galega está formada por Paulo Félix, Tomás Teijeiro, Constantino García e Daniel Castro.
As súas contribucións destacan polo seu potencial para detectar a presenza da fibrilación auricular, que é máis estendida das arritmias cardíacas sostidas no tempo (afectando a entre un un e un dous por cento da poboación mundial, uns 12 millóns de persoas só en Europa e Estados Unidos). Por outra banda, trátase dunha doenza que irá a máis nos vindeiros anos (sobre todo polos malos hábitos aos que nos somete a sociedade industrializada e do “benestar”, inzada de hábitos de sedentarismo e alimentación inaxeitada).
O problema, para combater esta doenza, viña sendo como atopar as mellores metodoloxías para facer diagnósticos certeiros da enfermidade (que non achega pautas fixas nin moito menos unha liña continua no tempo). Segundo informa o CiTIUS a estratexia máis común viña consistindo en pautar un seguimento dos pacientes sospeitosos de sufrir esta doenza mediante un aparello (Holter), que rexistra o seu sinal electrocardiográfico durante 24 horas para que sexa avaliado logo por un experto. Porén, cada vez son máis aceptadas as aproximacións baseadas en novas tecnoloxías que promoven “unha proba simple e inmediata de electrocardiograma (ECG), a realizar nos centros de atención primaria, ou mesmo no domicilio particular do paciente, para a súa detección automática”, explican dende o CiTIUS engadindo que “estas novas probas diagnósticas demostraron xa un mellor rendemento que as clásicas monitoraxes practicadas con Holter, o que dá boa mostra do seu enorme potencial ante o desenvolvemento de novas tecnoloxías que poidan facelas aínda máis simples e precisas”.
O certame mundial
Co obxectivo de alentar os avances neste eido, investigadores de todo o mundo compiten cada ano no reto Physionet/Computing in Cardiology, un desafío internacional que vén de chegar á súa 18ª edición consecutiva no marco do congreso Computing in Cardiology. A finalidade do desafío en 2017 era validar unha proba de baixo custo que poida identificar dun modo sinxelo ao paciente con fibrilación auricular.
Na súa edición de 2017, o reto expuxo o problema do procesado automático de ECG para “localizar a posíbel presenza de fibrilación auricular sobre rexistros electrocardiográficos de curta duración”. O obxectivo era “obter unha proba de baixo custe”, que posibilitase identificar “dun modo sinxelo” ao paciente “coa axuda de pequenos dispositivos de tamaño inferior ao dunha tarxeta de crédito”.
Os algoritmos presentados a concurso polo equipo de investigadores do CiTIUS obtiveron o mellor resultado de entre todos os participantes. “Estamos a falar do foro de referencia a nivel mundial na aplicación da computadora ao procesamento de sinais biomédicos”, afirma un dos gañadores, Paulo Félix. Pola súa banda, o director do CiTIUS salienta que “fomos quen de desenvolver unha estratexia de detección que utiliza os principios da intelixencia artificial para emular o comportamento do especialista cardiólogo cando interpreta un electrocardiograma”. Pola súa banda, o seu compañeiro Tomás Teijeiro sinalou que “dispor dunha ferramenta robusta e fiábel para detectar unha posíbel fibrilación auricular permitiría realizar unha estratificación temperá dos pacientes, que serían así derivados a unha consulta especializada, o que axudaría a axilizar o tempo de diagnose, reducindo así os custos do sistema público de saúde e contribuíndo a garantir a súa sustentabilidade”.
No Physionet/Computing in Cardiology 2017 participaron 75 empresas e universidades de todo o mundo, entre os que destacan equipos das universidades de Stanford (EEUU), Oxford (Reino Unido), e a Escola Politécnica Federal de Zúric, ademais de prestixiosos centros de investigación como o Philips Research North America.

PUBLICIDADE