José María Lasalle e Suso Baleato falarán dos riscos deshumanizadores das TIC nunha xornada do CCG

venres, 21 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

José María Lasalle nunha imaxe recente da RTVE

O Consello da Cultura da Galega vai abrir novos camiños de reflexión acerca da revolución tecnolóxica que estamos a vivir, unha revolución que vai ir a máis, e as súas principais consecuencias sociais, laborais, empresariais e culturais. Esta reflexión virá dada polo investigador cántabro José María Lasalle, que vai participar o vindeiro 27 de febreiro (ás 18.00 horas) no ciclo Pensarmos do CCG, baixo o seguinte relatorio: É posible dar sentido ás máquinas? Cara a un humanismo tecnolóxico. A súa intervención contará co retruque do analista especializado en tecnoloxía política Suso Baleato. A inscrición está aberta e pódese facer a través do web da institución.
José María Lasalle, na súa intervención, porá o foco nos principais riscos que achega a revolución tecnolóxica en materia de dereitos, facendo fincapé en como o contexto actual está a destruír herdanza da Revolución Francesa (da que naceu unha estrutura de dereitos e o concepto de cidadanía) e da Revolución Industrial (que rematou nun pacto igualitario entre o capital e o traballo). Segundo avanza, “o novo contexto das máquinas está acabando con todos os mecanismos dunha sociedade democrática”, e Internet, que “chegou para ser unha experiencia de liberdade”, acabou por “converterse nun modelo de negocio”.
Os pensadores desta sesión
José María Lassalle é doutor en Dereito, iniciou a súa traxectoria profesional como investigador e profesor na Universidade de Cantabria e na Universidade Carlos III de Madrid. Foi coordinador científico do Centro de Estudios Hispánicos e Iberoamericanos da Fundación Carolina e, máis tarde, director desta institución.
En 2004 iniciou a súa actividade política como deputado no Congreso por Cantabria. Compatibilizou a súa dedicación á política coa actividade docente na Universidad San Pablo-CEU e na Universidade Rei Juan Carlos de Madrid. En 2011 foi nomeado secretario de Estado de Cultura e, en 2016, da Axenda Dixital. En xullo de 2018 abandonou a política.
É autor de numerosos ensaios e publicacións académicas sobre pensamento político e filosofía anglosaxoa, escribe periodicamente no suplemento Ideas de El País e en La Vanguardia e colabora en Las mañanas de RNE. Na actualidade é consultor privado e senior advisor no Observatorio Panhispánico da London School of Economics, director do Foro de Humanismo Tecnolóxico de ESADE así como profesor de Teoría do Dereito e Filosofía do Dereito na Universidade Pontificia de Comillas (ICADE).
Na outra cadeira de pensar sentarase Suso Baleato. Doutor en Ciencia Política e enxeñeiro Linux, é investigador asociado da Harvard University (EE. UU.) e profesor posdoutoral na Universidade de Santiago de Compostela. Especializado na aplicación de métodos computacionais para a investigación social, o seu traballo céntrase na causalidade política e socioeconómica da tecnoloxía dixital. Baleato Foi o primeiro politólogo español en publicar na prestixiosa revista Science.

PUBLICIDADE