Julio Abalde entrega os carnés de ciberexpert@ a 39 alumnos e alumnas da Compañía de María de Ferrol
martes, 2 de xuño do 2026
O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, participou este martes 2 de xuño en Ferrol no acto de entrega dos carnés de ciberexpert@s a 39 alumnos e alumnas de sexto de Educación Primaria do CPR Plurilingüe Arenales (Compañía de María), unha iniciativa impulsada pola Policía Nacional para promover o uso seguro, consciente e saudable das novas tecnoloxías entre a mocidade.
No acto estiveron tamén presentes a comisaria xefa da Comisaría da Policía Nacional de Ferrol-Narón, Cristina Ochoa; o director da área de Alta Inspección de Educación da Delegación do Goberno en Galicia, Lois García Carballido, e o director do centro educativo, Juan José Vidal Fernández.
Abalde salientou que “a entrega de acreditacións ten ademais un carácter especial ao tratarse da primeira vez que se desenvolve en Ferrol un acto deste tipo, seguindo o modelo que xa se desenvolve noutras cidades”. Neste sentido, Julio Abalde felicitou aos coordinadores do programa por “abrir un novo camiño que permitirá reforzar a cultura da ciberseguridade entre os máis novos da comarca”. O subdelegado destacou que o programa Ciberexpert@s constitúe “unha ferramenta fundamental para preparar aos menores ante os desafíos que presenta o entorno dixital.” E engadiu: “Dotar aos menores de ferramentas para navegar con seguridade é investir no seu benestar presente e futuro. A formación é a mellor protección fronte aos riscos que poden atopar na rede”.
A Policía Nacional vén desenvolvendo este programa en Ferrol desde o curso escolar pasado. Ao longo do presente curso participaron nel tres grupos do CEIP San Xoán de Filgueira, cun total de 20 alumnos e alumnas, así como dous grupos do CPR Plurilingüe Arenales Compañía de María, integrados por 39 estudantes, que foron os que recibiron hoxe os seus carnés acreditativos.
Durante o curso, os 39 estudantes completaron as dez horas de formación impartidas por axentes da Unidade de Participación Cidadá da Policía Nacional, nas que analizaron cuestións como o ciberacoso, o grooming, o sexting, a protección da privacidade e da identidade dixital, as tecnoadiccións, o xogo en liña e as normas de convivencia e respecto nas redes sociais. Tras superar as actividades e probas previstas no programa, os alumnos e alumnas recibiron o carné de ciberexpert@s, unha acreditación simbólica que recoñece os coñecementos adquiridos e o seu compromiso para contribuír a un uso seguro das tecnoloxías, tanto no seu ámbito persoal como entre os seus compañeiros e familias.
Como peche da xornada, o alumnado puido compartir o acto con representantes destacados do deporte ferrolán. Participaron Álex López, coordinador dos equipos de base da Escola de Fútbol do Racing Club Ferrol, e Lino López, adestrador do BAXI Ferrol, que quixeron sumarse a esta iniciativa de promoción de valores positivos entre a mocidade.
O programa Ciberexpert@s forma parte do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas, impulsado polo Ministerio do Interior, e ten como obxectivo “previr situacións de risco que poidan afectar á seguridade e ao benestar dos menores, especialmente nun contexto marcado polo crecente uso das tecnoloxías dixitais desde idades temperás”.
Julio Abalde agradeceu o labor desenvolvido pola Policía Nacional e a colaboración do centro educativo para facer realidade esta iniciativa, que contribúe a formar unha cidadanía máis preparada e crítica no uso das ferramentas dixitais.
