Kim Dotcom demanda 6.800 millóns de dólares pola súa detención ilegal hai 6 anos
luns, 22 de xaneiro do 2018
- Dotcom aproveitou o 6º aniversario da súa detención para casar
Hai 6 anos o peche de Megaupload
pillou a todo o mundo por sorpresa, non porque o público non coñecese o servizo
e o uso fraudulento que facían moitos dos seus usuarios para vulnerar os dereitos
de autor, senón polo feito de que a detención do seu responsable, Kim Dotcom,
tiña lugar en Nova Celandia, país no que é residente permanente, en boa medida
porque a lexislación local non consideraba delito a piratería. De feito, poucos meses tardaron en declarar ilegal o
rexistro do seu domicilio, pero iso non detivo un longo periplo xudicial
que aínda non rematou e no que nos EE.UU. piden a súa extradición para poder xulgalo
baixo a súa lexislación, o que non están a conseguir, principalmente polos
vicios de toda esta actuación promovida polas autoridades norteamericanas.
Sobra dicir que todo este proceso deixou fóra de servizo Megaupload.com e causou
un grande quebranto económico para Kim Dotcom, quen mentres loita contra a súa
extradición aos EE.UU. vén
de iniciar unha demanda contra o goberno neocelandés por danos, xa que as
actuacións ilegais na súa contra estragaron o seu negocio, fixéronlle perder a
súa reputación e provocáronlle numerosos gastos xurídicos.
Dado que o grupo de empresas de Megaupload de non ter sido pechado en 2012 podería
estar hoxe valorado nuns 10.000 millóns de dólares, Dotcom pide a parte
proporcional relativa á súa participación na empresa, ou sexa, 6.800 millóns de
dólares.
O principal argumento de Kim Dotcom na súa defensa é que a lexislación de Nova Zelandia
recolle expresamente que non pode sancionarse criminalmente a un provedor de
servizo da Internet, e dado que para a extradición a un país de destino o
delito tamén ten que ser tal no país de orixe, non parece que as cousas vaian
mudar no futuro, polo que resulta previsible que agora Dotcom esixa un resarcimento,
aínda que resulta evidente que as
cantidades que demanda son desproporcionadas, máis propias de tribunais estadounidenses
que dos xulgados dos antípodas.
Actualmente Kim Dotcom está a preparar a saída ao mercado de Bitcache, unha
nova compañía de micropagamentos e tamén aproveitou o 6º aniversario da redada
na súa mansión para casar con Elizabeth Donnelly nunha cerimonia privada en
Auckland.