LAIC adianta a súa vindeira edición cunha conversa sobre creatividade e humor viral na Rede

mércores, 5 de decembro do 2018 Marcus Fernández

O Laboratorio Audiovisual de Innovación Creativa (LAIC) da Coruña contará cunha nova edición que presentarase o vindeiro día 18 de 19:00 a 21:00 horas no auditorio da Domus, onde a xornalista especializada en contidos dixitais, María Yáñez, conducirá unha conversa sobre Que hai en Internet? entre Miguel Ángel López González (especialmente coñecido pola súa actividade en Twitter como El Hematocrítico, así como pola súas produción literaria) e Felipe G. Gil (director de contidos audiovisuais de ZEMOS98 e colaborador de ElDiario.es). Achegaranse ás novas narrativas populares e ás súas dinámicas.
A charla a tres bandas procurará ter un enfoque divertido e inspirador, ligado cunha das liñas de traballo da nova edición do LAIC, de xeito que a sesión irá máis aló da conversa e inclúe un encontro cos responsables do programa Coruña Dixital, que explicarán as chaves da nova programación, de xeito que os asistentes poderán coñecer de primeira man o que se vai facer e como poder participar nesta iniciativa que desenvolverase nas vindeiras semanas.
A actividade será de balde, pero precisa de inscrición previa por cuestións de organización.

PUBLICIDADE