LG quere introducir os videoxogos nos automóbiles

martes, 9 de setembro do 2025 Redacción

LG Electronics e Xbox anunciaron unha alianza estratéxica para transformar o automóbil nun espazo de lecer, incorporando o ecosistema de videoxogos de Microsoft á plataforma webOS Automotive Content Platform (ACP) de LG. A colaboración permitirá que os pasaxeiros de vehículos conectados poidan xogar a través de Xbox Cloud Gaming (Beta), convertendo o habitáculo nunha extensión do fogar. Para os que queiran levar tamén o oficina no vehículo, LG tamén chegou a un acordo para levar ao vehículo a aplicación de comunicación Zoom.
LG pretende subministrar a súa ACP a 20 millóns de vehículos en 2030, buscando así trasladar aos automóbiles o éxito conseguido con webOS, plataforma que xa equipa máis de 240 millóns de televisores conectados a nivel mundial.
Dende Xbox subliñan que «levar Xbox ao interior do vehículo significa que cada viaxe será máis entretida e con toda a flexibilidade que esperan os xogadores». Con só unha subscrición a Game Pass Ultimate, un mando Bluetooth compatible e conexión a Internet, os pasaxeiros poderán acceder a centos de títulos na nube, entre eles Forza Horizon 5, Doom: The Dark Ages, Gears of War: Reloaded ou o esperado The Outer Worlds 2. Ademais, será posible xogar en mobilidade a títulos xa adquiridos, como Bugsnax ou Mafia: The Old Country.
A plataforma ACP de LG está deseñada para cumprir cos requisitos de seguridade viaria e permitir o acceso a múltiples servizos audiovisuais e de comunicación desde a pantalla de infoentretenemento. Ademais de xogos e videoconferencias, integra Netflix, Disney+, YouTube, LG Channels e outros contidos locais ou internacionais, cos que a empresa coreana quere consolidar o concepto de «espazo vital sobre rodas».

Vídeo promocional da chegada de Xbox a ACP