LG traballa nun sistema de pago móbil para Europa baseado en tecnoloxía NFC

mércores, 2 de febreiro do 2011 Raquel Noya

Por unanimidade, xa máis ou menos se ten aceptado que o 2011 vai ser o ano do despegue da tecnoloxía NFC ou Near Field Communications, o protocolo de comunicación sen fíos que permite conectar dous dispositivos a unha distancia moi curta sobre a banda dos 13.56MHz (para a que non fai falla licenza) que traducido ao cristián, vai permitir, entre outras cousas, habilitar sistemas de identificación ou pago electrónico ou transferir datos privados de maneira doada e segura dende o teléfono móbil.
O que non estaba claro era se isto ía tardar moito en chegar ao noso mercado e semella que 2012 é a data que propón LG para achegar esta tecnoloxía a Europa.
Segundo anunciou a firma coreana, está a preparar un sistema destinado ao vello continente que permitirá crear puntos de venda que se comuniquen co teléfono, “ideal para pequenos e medianos establecementos” que xa funciona en fase beta.
Os desenvolvedores desta tecnoloxía, que xa se está a usar en Xapón e Corea, atopan no mercado europeo tódalas características necesarias para unha boa adopción do servizo posto que, segundo afirman, “pouco a pouco haberá máis terminais preparados e os diferentes protagonistas implicados (gobernos, operadoras…) están polo labor”.
O principal soporte dende o lado do teléfono vaino a aportar Google, co seu sistema operativo Gingerbread con soporte NFC; e por outra banda, entre os fabricantes que desenvolverán os terminais axeitados destacan Sony Ericsson, Samsung, Nokia ou Apple, entre outros, que xa están a preparar teléfonos coa circuitería necesaria.

PUBLICIDADE