La Sexta Noticias renova a súa web

venres, 15 de febreiro do 2008 Marcus Fernández

Despois dunha accidentada primeira versión, La Sexta Noticia estrea nova páxina web, que aínda está nunha fase de probas, xa que non ten tódalas súas funcionalidades operativas, pero que decidiron facer os últimos arranxos «sobre a marcha».
O novo espazo presenta unha aparencia moito máis coidada, que distribúe a información publicada en seccións, entre as que non faltan especiais e mesmo blogs, aínda que o que resulta máis rechamante é o tratamento que lle dan ó vídeo, que reforza a súa presenza, e inclúe un reprodutor mellorado que fuxe do streaming de vídeo con tecnoloxía de Microsoft para empregar Flash (tecnoloxía cada vez máis estandarizada para o vídeo na web).
As novas publicadas se poden seguir de xeito independente, aínda que os informativos televisivos tamén se poden ver de xeito íntegro (incluso a pantalla completa) segregando as seccións de deportes e meteoroloxía.
O usuario pode contribuír á nova web mediante comentarios, puntuando as distintas informacións e participando en enquisas, e proximamente tamén poderán levar a nova web ó seu escritorio a través dunha aplicación que se está a desenvolver.