LaLiga esixe 450 euros a cidadáns sospeitosos de piratería audiovisual

martes, 25 de xuño do 2024 Marcus Fernández

No mes de marzo houbo moito rebumbio por unha campaña de desinformación por parte da Liga de Fútbol Profesional dando a entender que tiñan autorización xudicial para perseguir a usuarios que consumiran fútbol de xeito pirata, provocando que o propio Poder Xudicial tivese que lanzar un comunicado detallando que as informacións de LaLiga eran falsas, e que o que se autorizara era a identificación por parte dos operadores de telecomunicacións dos usuarios que subministraban o sinal dos encontros deportivos a través de cardsharing para a súa redifusión ilegal con ánimo de lucro.
Semella que agora estamos a vivir unha segunda entrega desta historia, pois están a dar conta de que a Liga de Fútbol Profesional está a remitir comunicacións a cidadáns indicando que se identificou o seu enderezo IP conectado a unha plataforma pirata durante a celebración de distintos partidos de fútbol, propoñendo un acto de conciliación que se saldaría indemnizando a LaLiga cunha cantidade de 450,16 euros.
Queda agora por ver se este tipo de accións rematarán nos xulgados, pois non semella doado que dende LaLiga poidan demostrar as súas acusacións, xa que aseguran que os receptores das misivas propiciaron «un acceso ilícito aos contidos audiovisuais de LaLiga», cando só parecía terse constatado unha conexión a unha plataforma (non especifican de ningún xeito como distinguen aos que acceden aos contidos sen pagar dos que están a compartir con terceiros os contidos). Tampouco parece prudente entender que un enderezo IP dunha conexión doméstica identifica a unha persoa concreta. De todo isto é normal que o público entenda que estamos ante unha campaña que busca propagar o medo e sacar algún tipo de proveito económico sen ter que chegar realmente a xuízo (aproveitándose do feito de que a cantidade esixida non é moi elevada).