LaLiga provoca o bloqueo de centos de páxinas web durante as retransmisións deportivas
luns, 10 de febreiro do 2025
A pasada fin de semana LaLiga lanzou un comunicado anuncian novas medidas para evitar a piratería audiovisual, gabándose de ter conseguido desactivar o acceso á plataforma DuckVision que facilitaba o acceso a contido deportivo en vivo con máis de 200.000 usuarios activos en España o pasado mes de xaneiro.
LaLiga destaca o feito de que DuckVision tiña os seus servidores escudados pola compañía tecnolóxica Cloudflare á que acusan de protexer «a organizacións criminais de xeito intencionado co fin de lucrarse», acusación que estenden a Google, servizos de VPN e outros axentes.
Aseguran que DuckVision contaba con canles de Telegram con máis de 13.800 usuarios e unha estimación de preto de 70 mil usuarios mensuais da súa páxina web. Engaden que denunciarán ante as autoridades policiais e xudiciais aos responsables de DuckVision.
O que non comentan dende LaLiga é que están a abusar das autorizacións xudiciais coas que conta para loitar contra a difusión ilegal dos seus contidos, xa que está a activar bloqueos masivos indiscriminados durante as retransmisións dos encontros deportivos, que non só bloquean o acceso aos servizos que vulneran os seus dereitos, senón tamén a moitos centos de páxinas web, sendo especialmente preocupante o que acontece aos usuarios de Movistar, que durante a pasada fin de semana queixáronse de problemas para o acceso a numerosas páxinas web (e incluso para empregar Telegram).
No caso de que se manteñan as incidencias en vindeiras fins de semana haberá que ver como reacciona o público, pois bloquear o acceso a páxinas web protexidas mediante Cloudflare que non facilitan o acceso a retransmisións deportivas non está amparado por ningunha lei e supón un prexuízo importante para os cidadáns sen xustificación.
