Lalín organiza un curso de robótica para nenos

luns, 19 de xuño do 2017 Redacción

O Concello de Lalín anunciou que vai organizar un curso de robótica para nenos, co fin de introducilas no coñecemento dunhas tecnoloxías (programación, intelixencia artificial, manexo de móbiles e tabletas e diferentes aparellos TIC) que sen dúbida lles serán de utilidade no futuro. En palabras do Goberno local, o que se busca é “dinamizar e fomentar o coñecemento en novas tecnoloxías”, amais de “fomentar o pensamento lóxico-dedutivo, a programación por bloques e a computación dun xeito divertido e práctico”. A actividade vai dirixida a escolares de entre 8 e 15 anos.
No obradoiro empregarase o robot galego Escornabot (do que falamos este mesmo ano dende Código Cero, salientando a súa arela de abrirse á participación), o kit de robótica BQ e o IDE de Arduino, que iniciarán ao alumno na robótica sen necesidade de coñecementos previos.
Para que “o alumnado teña unha atención personalizada”, o Concello fornecerá aos escolares dun total de 32 prazas, de balde, repartidas en catro grupos de 8 persoas. O curso consta de 20 horas por cada grupo. A inscrición aos grupos farase por orde de recepción. As persoas doutras idades, ou que non estean empadroadas en Lalín, poderán facer o curso soamente no caso de estar dispoñíbeis prazas libres e por orde de inscrición.
A actividade levarase a cabo na Aula CEMIT, no Auditorio de Lalín, na rúa do Parque s/n. O prazo de inscricións para todos os grupos abriu este luns, día 19. Para os grupos 1 e 2 o prazo remata o día 23 de xuño; e ata o 1 de agosto para os grupos 3 e 4.

PUBLICIDADE