Lista a terceira tempada do podcast da Radio Galega Superando a ficción

martes, 29 de novembro do 2022 S. P.

Dende hoxe, todos os martes a Radio Galega volverá emitir o seu programa Superando a ficción, coa xornalista Cristina García, encargada de contar unha historia real merecedora de ser levada á gran pantalla. Cómpre dicir que a xornalista vén de ser galardoada co II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no Tratamento e Comunicación da Violencia de Xénero, que concede o Concello de Redondela e Joshua Alonso Mateo.
Volvendo ao programa en cuestión, subliñar que estamos perante o primeiro podcast nativo dixital da emisora pública, dispoñíbel en Radio Galega Podcast, seis novos relatos que se presentarán baixo o título dunha longametraxe.
Logo do éxito das dúas tempadas anteriores, Cristina García, coordinadora de programas da Radio Galega e presentadora habitual dos espazos Galicia por Diante e A Bóla Extra, traerá historias sobre xente que simulou estar tola para entrar nun sanatorio mental e sobre mulleres que competiron ferozmente para dominar a industria cosmética. Os oíntes de Superando a ficción coñecerán nesta terceira tempada a unha muller que puido ser emperatriz de Persia (pero que foi repudiada polo seu home por non ter fillos), e doutra tan pobre que non tiña máis ca cartos. Noutros capítulos, Cristina García falará dunha familia idílica que enganou a todo o mundo e de grandes oportunidades que chegan cando menos se agardan.
Superando a ficción, un podcast feito por e para o medio dixital, está dispoñíbel en RadioGalegaPodcast.gal, así como nas plataformas Spotify e iTunes. Este proxecto, nado en outubro de 2021, continúa sumando contidos, con novos podcast nativos dixitais á marxe dos patróns horarios da radio e coa vontade de alcanzar diferentes públicos niño. Así, ao pioneiro Superando a ficción foron uníndose novos proxectos, máis de 40 podcast que conforman a oferta actual de RadioGalegaPodcast.gal.

PUBLICIDADE