Logitech presenta unha chea de dispositivos orientados ao público gamer

mércores, 17 de setembro do 2025 Redacción

Logitech G aproveitou o escaparate global do Logitech G Play 2025, celebrado en Shanghai, Madrid e a través dunha retransmisión en liña, para anunciar unha ampla gama de novidades que abranguen desde os simuladores de condución ata os periféricos destinados aos deporte electrónicos, pasando por ferramentas de streaming e accesorios para PC e consola, para o que contaron coa colaboración de socios como McLaren Racing e nVIDIA.
No apartado da simulación de condución, Logitech G introduciu a base RS50 con motor direct drive de 8 Nm e tecnoloxía TRUEFORCE, acompañada dos novos pedais RS con célula de carga de 75 kg e configuración avanzada a través de G HUB. A estes compoñentes engádese a colección McLaren Racing, que inclúe auriculares sen fíos GA50, un volante de carreiras e un asento tipo cockpit desenvolvido en colaboración cos enxeñeiros e pilotos virtuais da escuadra británica.
O segmento competitivo tamén recibiu un salto tecnolóxico coa chegada do rato PRO X2 SUPERSTRIKE, primeiro do mundo con sistema háptico de disparo indutivo, pensado para ofrecer velocidade e personalización en xogos de disparos e MOBA. Xunto a el presentouse o PRO X SUPERLIGHT 2c, unha versión máis compacta e lixeira do modelo insignia.
No eido do streaming, Streamlabs deu a coñecer o seu primeiro axente de retransmisión con intelixencia artificial, apoiado pola tecnoloxía ACE de nVIDIA. Este asistente funciona como coanfitrión e produtor en tempo real, con ferramentas de cambio de escena, recorte automático de momentos destacados e a posibilidade de engadir un avatar virtual xerado con Audio2Face.
Logitech G tamén anunciou melloras no software G HUB, cun lanzador de xogos que centraliza a biblioteca persoal en plataformas como Steam, Xbox Cloud Gaming ou Epic Games Store, e integra prestacións como LIGHTSYNC ou TRUEFORCE.
Na categoría de PC, a compañía ampliou a súa serie G coa chegada dos auriculares sen fíos G321 LIGHTSPEED, que apostan pola comodidade e a baixa latencia, e o teclado mecánico G515 Rapid TKL, un modelo ultrafino de perfil baixo con interruptores magnéticos analóxicos, disparo rápido e opcións avanzadas de personalización.
O catálogo para consolas de videoxogos tamén se reforzou cos auriculares sen fíos ASTRO A20 X, que inclúen a tecnoloxía PLAYSYNC AUDIO para alternar sen interrupción entre varias plataformas e dispositivos móbiles.
Todos estes produtos xa están dispoñibles para a compra ou reserva en liña e chegarán ás tendas de forma gradual ao longo dos dous vindeiros trimestres.

Vídeo do evento Logitech G Play 2025