Logitech propón unha cámara complementaria para as grandes salas de reunións

luns, 11 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Para as grandes salas de xuntanzas nas que se realizan comunicacións mediante videoconferencia Logitech está a ofrecer un interesante complemento para a barra de vídeo Rally Bar, a cámara de sobremesa Logitech Sight, que mediante dúas cámaras 4K e 7 micrófonos é capaz de recoller simultaneamente a varios dos participantes na conversa, para que poidan presentar nunha vista central creada mediante intelixencia artificial (para recoñecer aos distintos participantes) mentres que a barra de vídeo recolle unha vista frontal.
Esta solución está orientada especialmente ao seu uso con Microsoft Teams, de xeito que os participantes remotos poden ver en pantalla tanto unha vista xeral da sala de reunións como o detalle de varios dos participantes captados pola nova Logitech Sight, nunha composición moi práctica, que facilita que as persoas que estean a distancia poidan interactuar dun xeito máis natural, xa que poden facerse unha mellor idea das persoas coas que están a conversar.
Cómpre lembrar que estes produtos están orientados a un mercado profesional, o que queda claro cos prezos destes produtos: a Rally Bar véndese a 3.999 euros e a Logitech Sight a 2.449 euros.

Vídeo promocional da Logitech Sight

PUBLICIDADE