MOLAB celebrará a súa segunda gamejam a vindeira fin de semana

xoves, 4 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Entre os días 5 e 8 de outubro a asociación estudantil de desenvolvemento de videoxogos nacida ao abeiro da Universidade da Coruña, Monkey Laboratory (MOLAB), celebrará unha gamejam en liña, ou sexa, unha competición de creación de videoxogos que desenvolverase de xeito non presencial a través da plataforma Itch.io.
Ao inicio da II MOLAB Gamejam desvelarase a temática da competición, de xeito que os concursantes poderán realizar as súas creacións entre as 12:00 horas do venres até as 12:00 horas do luns, para que logo un xurado composto por profesionais galegos do sector tecnolóxico e dos videoxogos, de empresas como Polygon-e, Imaxin Software ou Gato Salvaje, xunto a persoal docente das facultades de Informática e Ciencias da Comunicacións, poidan avaliar os xogos completados que poderán verse na Aula de Graos da Facultade de Informática da Coruña (FIC) o vindeiro 10 de outubro a partires das 18:00 horas, para que ás 19:30 horas, no mesmo lugar, se anuncien os gañadores nas categorías de Mellor Xogo, Game Design, Deseño Artístico e Deseño Sonoro. Os trofeos entregaranse en persoa, aínda que tamén poderá seguirse en vivo a través de Twitter e Twitch.

PUBLICIDADE