MOLAB convoca a súa terceira competición de desenvolvemento de videoxogos na Coruña

luns, 11 de febreiro do 2019 Redacción

A asociación de desenvolvemento de videoxogos, Monkey Laboratory (MOLAB), con sede na Coruña, vainos achegar unha Game Jam entre os días 22 ó 25 de febreiro. A cita, segundo informa a asociación estudantil, consiste nunha competición na que se convida aos participantes a crearen un videoxogo integramente nos días especificados e de maneira non presencial. O evento levarase a cabo mediante a plataforma online Itch.
Quen queira máis información sobre as bases de participación pode atopala na páxina oficial de MOLAB para o evento, https://itch.io/jam/ii-molab-gamejam. A temática, que todos os concursantes deberán seguir, revelarase o día de inicio da proba.
Segundo informa a asociación, a análise dos xogos presentados será realizada por un xurado composto por profesionais galegos do sector tecnolóxico e dos videoxogos, de empresas como Polygon-e, Imaxin Software, Xoia Software ou Gato Salvaje, xunto a persoal docente das facultades de Informática e de Ciencias da Comunicación
Durante a tarde do xoves 28 de febreiro farase unha xuntanza na Facultade de Informática da Coruña ás 18:00h. Ese mesmo día, no mesmo lugar, daranse a coñecer os gañadores nas categorías de Mellor Videoxogo, Game Design, Deseño Artístico e Sonoro e Aplicación AR/VR. Esta última, principal novidade nesta edición do evento, contará co patrocinio da empresa Xoia Software, que ofertará un premio ao gañador da mesma. Xoia, ademais, é co-organizadora do evento e encargarase, tamén, de impartir os obradoiros sobre AR/VR.

PUBLICIDADE