MOO introduce un chip NFC nas súas tarxetas de visita personalizadas
martes, 6 de outubro do 2015
Hai tres anos dende MOO
propoñían a creación de tarxetas de visita que integrasen un chip NFC no seu
interior, como un xeito tecnolóxico e orixinal para ampliar os seus
contidos, para o que iniciaron unha experiencia piloto que parece ter saído
ben, pois dende hoxe ofrecen ao público as súas Tarxetas
de Visita+, que buscan que cando unha persoa achegue o seu móbil con
NFC a unha destas tarxetas se dispare unha acción
dixital que podería servir para amosar información de contacto, levar a
unha páxina web ou tenda en liña ou incluso remitir á descarga dunha aplicación
móbil.
Cómpre destacar que, aínda que os últimos iPhone conten con NFC, esta
tecnoloxía está limitada a usos autorizados por Apple (concretamente para
realizar pagamento co móbil), de xeito que estas tarxetas de MOO só
funcionarían axeitadamente con terminais Android e Windows que conten con NFC,
sendo posible gravar a información na tarxeta de visita tamén cun simple toque
do móbil. Deste xeito podemos cargar unha ligazón cunha páxina web, conectar con
redes sociais, promocionar aplicación, compartir listaxes de reprodución de
Spotify, conectar con LinkedIn, convidar a unha videochamada ou invocar a un
navegador GPS para atopar onde se celebra un evento. As posibilidades son
moitas, dun xeito semellante a como viñan a ser os códigos QR, pero cun toque
máis moderno e sen precisar de
aplicacións móbiles adicionais para a súa lectura, sendo o seu principal
atranco (xunto co feito de que aínda non hai moitos dispositivos que fagan un
uso efectivo do NFC) o seu prezo, xa que as novas tarxetas parten dun prezo de
36,29 euros para 20 unidades.
De todos os xeitos estamos ante unha oportunidade de innovación, que Richard
Moross, fundador de MOO, define como “o
meirande avance no mundo das tarxetas de visita dos últimos trescentos anos”.
Vídeo promocional das Tarxetas de Visita+